26/05/2011

WINNIE THE WITCH

Victoria e Coral contáronnos este conto en Inglés. Foron as nosas Bruxiñas boas para narrarnos as aventuras de Winnie, unha bruxa cunha casa negra, mobles negros e ata cun gato negro co que Winnie tropezaba a cada pouco. Farta de esmagalo por tódolos recunchos, cun pouquiño de maxia trocou a cor do gato. Agora era verde! O pobre do gato, desa maneira, perdeuse no campo. E Winnie tivo que voltar a usala maxia para poñelo multicolor e atopalo. Pero como con tantas cores, ata os paxaros se rían do micho, Winnie, decidiu voltar a darlle a cor negra. Para distinguir ao animaliño entre tanta negrura tinguiu a casa de moitas cores. E o gato foi de novo un gatiño negro coma o de tódalas bruxas dos contos.







23/05/2011

Ramón Caride

A pasada semana visitounos Ramón Caride, o escritor de obras como "Xan Farrapeiro" ou "Bertiño Rompetodo". Entre anécdotas e autógrafos pasou axiña o tempo pero hai que felicitarvos a tod@s porque lle fixestes preguntas moi interesantes e ata propuxestes algunha boa idea de próximos títulos para que poña en marcha. E... quen sabe!... ao mellor poderemos ler de contado As Aventuras de Xan Muíñeiro...
Por certo, non estivemos sós, acompañáronnos neste encontro os nen@s de Taragoña.



18/05/2011

LOIS PEREIRO



Este ano adicoúselle o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro.
Aquí vos deixamos un dos poemas deste poeta o que chamaron o poeta punk.

Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.


17/05/2011

III CERTAME LITERARIO



O venres 13 rematou o prazo para a presentación de contos elaborados polo alumnado.
Sodes tod@s uns grandes escritores! Moitas grazas pola vosa colaboración no III Certame Literario.
Pronto recibiredes un estupendo agasallo!



11/05/2011

O PASTOR RAÚL

Neste mércores Contacontos, Adrián de 5º narrounos a historia dun pastor que un día marchou do campo á cidade para cambiar de aires. Malia isto, as súas ovellas nin pensaban en cambiar de pastor e seguíano por todos os recunchos. Así lograron que voltase aos prados. Pero o pastor deixara na cidade algo pendente...
Moi ben por Adrián que nos contou tan estupendamente esta historia de ovellas!



04/05/2011

PUNTO LIBRO

Os libros da Biblioteca van de viaxe!!! Mirastes ben todos os rincóns do cole? Xa chegou Punto Libro! Nos corredores, nas escadas, rubindo polas paredes... libros a moreas agárdanvos en todos os recunchos. Os libros que atopedes no punto libro devecen por iren para as vosas casas pero non esquezades voltar a poñelos no seu lugar para que emprendan de novo a viaxe a outros fogares, xa que os libros están de vacacións lonxe da Biblioteca. Boa viaxe!