24/12/2011

LIBROS PARA AGASALLAR

Un ano máis aquí vos deixamos o tríptico de recomendacións de lectura para este Nadal. Foi elaborado grazas á colaboración das bibliotecas escolares do CEIP A.D.R Castelao, do CEP Xosé Mª Brea Segade, do IES Felix Muriel, do CEIP Ana Mª Diéguez e a B.P.M de Rianxo. Esperamos que lle saquedes bo proveito.

07/12/2011

UN PLANETA VERDE

NO CONTACONTOS DE HOXE , OS NENOS DE 4º, FROILÁN, XAVI E RAMÓN ROMERO INVENTÁRONOS UN CONTO NO APARECÍAN UNHAS PEGADAS EXTRAÑÍÍÍSIMAS. DE QUE ERAN? TODO ACONTECÍA NUN PLANETA VERDE.

30/11/2011

NA ÁRBORE.



Hoxe os nenos/as de 1º: Isabel, Silvia e Abdi inventaron un conto. Uns nenos xogando cun balón, botárono enriba dunha árbore...



Podedes ó igual ca eles usar un pouquiño a imaxinación e contárnolo.

25/11/2011

Contacontos OS CATRO AMIGOS.





Esta semana, os nosos compañeiros Joel, Sergio e Daniela relataron un conto de catro amigos: un burro , un galo, un can e un gato un tanto cansos da súa vida cotiá. Entre os catro deciden vivir novas aventuras, incluso moi moi atrevidas. Interesante, non ? Pois este conto agárdache na nosa biblioteca.

16/11/2011

XABI NON PODE DURMIR.



Hoxe mércores, os nosos compañeiros Luismi, Sergio e Abel adentráronos no país dos soños perdidos para intentar darlle unha solución ó noso protagonista chamado Xabi. O pobre non podía durmir ben polas noites porque tiña pesadelos. Axudaríalle o Señor dos Soños?

09/11/2011

XA ESTÁN AQUÍ OS CONTACONTOS DOS MÉRCORES!

O primeiro conto deste curso foi do máis curioso, un home de barba azul !

Sabédelo título? ... BARBAZUL!

Era un home arrepiante!

Casouse con moitas mulleres que facía desaparecer ... ata que casou cunha un pouquiño máis lista ca el;

Interesante, verdade? Pois, anímate e participa ti tamén , igual que Lucía, Irene e Ismael, tódolos mércores na sesión do contacontos da nosa biblioteca.

02/11/2011

As da noite



Aquí tedes un video do contacontos de medo que os nenos e nenas de sexto!! A verdade é que daban moito medo!! houbo de todo... maquillaxe, vestiario e ata efectos sonoros!!

24/10/2011

SAMAÍN

Atrevidos e atrevidas, sodes quen de achegarvos á nosa biblioteca nesta semana de meeeeedo?


O samaín xa voltou.


O mércores día 26 de outubro, os nosos compañeiros/as de 6º contarán unha historia misteriosa que nos deixará o corpo arrepiado.


Uuuuuhhhhh!!! Ollo coas pantasmas.

04/10/2011

Xa estamos de volta

Con un pouco de retraso, ponse a andar de novo a nosa biblioteca. Esperamos que ao longo deste novo curso sigades participando coma sempre, asi que vémonos o vindeiro xoves 6 de outubro no primeiro sorteo das mochilas viaxeiras. Non faltedes á cita teremos novidades.

18/06/2011

OS OFICIOS DE XAN

Menudo era este Xan, gustáballe exercer unha grande cantidade de oficios, algúns deles fantásticos como o de creador de nubes, e outros mais mundanos como médico ou cociñeiro. Iago e Bruno xa terán claro ao que se queren adicar cando sexan maiores?.
Este foi o último "contacontos" por este curso, grazas a todas e todos pola vosa colaboración e entusiasmo.

11/06/2011

O GATO CON BOTAS

Olalla e Marta léronnos este conto clásico. Non sei si un gato coma este faría demasiado servizo nas nosas casas, pero seguro que co el non nos aburririamos e faríanos pasar uns bos "ratos", ji,ji,ji...




26/05/2011

WINNIE THE WITCH

Victoria e Coral contáronnos este conto en Inglés. Foron as nosas Bruxiñas boas para narrarnos as aventuras de Winnie, unha bruxa cunha casa negra, mobles negros e ata cun gato negro co que Winnie tropezaba a cada pouco. Farta de esmagalo por tódolos recunchos, cun pouquiño de maxia trocou a cor do gato. Agora era verde! O pobre do gato, desa maneira, perdeuse no campo. E Winnie tivo que voltar a usala maxia para poñelo multicolor e atopalo. Pero como con tantas cores, ata os paxaros se rían do micho, Winnie, decidiu voltar a darlle a cor negra. Para distinguir ao animaliño entre tanta negrura tinguiu a casa de moitas cores. E o gato foi de novo un gatiño negro coma o de tódalas bruxas dos contos.







23/05/2011

Ramón Caride

A pasada semana visitounos Ramón Caride, o escritor de obras como "Xan Farrapeiro" ou "Bertiño Rompetodo". Entre anécdotas e autógrafos pasou axiña o tempo pero hai que felicitarvos a tod@s porque lle fixestes preguntas moi interesantes e ata propuxestes algunha boa idea de próximos títulos para que poña en marcha. E... quen sabe!... ao mellor poderemos ler de contado As Aventuras de Xan Muíñeiro...
Por certo, non estivemos sós, acompañáronnos neste encontro os nen@s de Taragoña.



18/05/2011

LOIS PEREIRO



Este ano adicoúselle o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro.
Aquí vos deixamos un dos poemas deste poeta o que chamaron o poeta punk.

Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
a miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.


17/05/2011

III CERTAME LITERARIO



O venres 13 rematou o prazo para a presentación de contos elaborados polo alumnado.
Sodes tod@s uns grandes escritores! Moitas grazas pola vosa colaboración no III Certame Literario.
Pronto recibiredes un estupendo agasallo!



11/05/2011

O PASTOR RAÚL

Neste mércores Contacontos, Adrián de 5º narrounos a historia dun pastor que un día marchou do campo á cidade para cambiar de aires. Malia isto, as súas ovellas nin pensaban en cambiar de pastor e seguíano por todos os recunchos. Así lograron que voltase aos prados. Pero o pastor deixara na cidade algo pendente...
Moi ben por Adrián que nos contou tan estupendamente esta historia de ovellas!



04/05/2011

PUNTO LIBRO

Os libros da Biblioteca van de viaxe!!! Mirastes ben todos os rincóns do cole? Xa chegou Punto Libro! Nos corredores, nas escadas, rubindo polas paredes... libros a moreas agárdanvos en todos os recunchos. Os libros que atopedes no punto libro devecen por iren para as vosas casas pero non esquezades voltar a poñelos no seu lugar para que emprendan de novo a viaxe a outros fogares, xa que os libros están de vacacións lonxe da Biblioteca. Boa viaxe!

27/04/2011

LEOCHE UN LIBRO

Traemos boas novas! Hoxe no recreo tivemos unha gran sorpresa! Empezou a actividade "LEOCHE UN LIBRO". Con esta iniciativa podemos xogar tan contentos no patio e escoitar contos estupendos narrados polos mozos e mozas de 5º e 6º.
Se queredes escoitar un conto non tedes máis que pedirllo a algún "Contador/a de contos".
Buscade polo patio os petos de cores que poñen nas costas "Contador/a de contos" e non vos esquezades de dar as grazas cando vos conten un conto. Que sorte!!!!




























13/04/2011

UNS RATOS INSOPORTABLES

Neste último Mércores antes das vacacións, Sergio e Iago déronnos a oportunidade de escachar coa risa grazas ao conto "Uns ratos insoportables". Os devanditos ratos tiñan farto dabondo ao gato da casa, que non paraba de escoitar a mofa dos dous individuos. Canso de tanta leria, o gato argallou unha trampa na que os ratiños caeron coma papóns... Marramiauuuuuuu!





06/04/2011

Tento e maila cadea

No recreo de hoxe Uxía e Fani contáronnos unha das trasnadas de Tento. Este can non para! Desta volta ocurriúselle poñerse ao pescozo unha cadea para sentirse especial. Axiña viu que aquelo de especial non tiña nada e argallou a forma de verse de novo libre... E é que ceibo é como mellor se está!
Moi ben polas nosas Contacontos! Graciñas pola vosa colaboración!



30/03/2011

O DRAGÓN COMEMEDO

Ramón Castelo, Ramón Romero e Froilán, contáronnos no recreo de hoxe un conto moi entretido. Falaba dun dragón, pero non dun dragón corrente... Era un dragón comemedo! Imaxinas ter por amigo a un ser así? Pois iso foi o que lle aconteceu a Bernal, que era moi medorento ata que o dragón se pegou unha boa fartada co seu medo. Así que, cando andes pola rúa, xogues nas cabanas ou enredes no patio, anda con tino de non pisar a cola do dragón comemedo, que é un dragón boíño!


23/03/2011

BARBAZUL

Neste Mércores Contacontos, Bruno agasallounos cun conto cheo de misterios:

- Un home coa barba azul...

- Que casara con varias esposas e non sabía o que facía con elas...

- Un cuarto que non se podía abrir porque agochaba un segredo...

- Unha chave encantada...

Andivemos moi intrigados ata que Bruno leu o final. Gustounos moito este conto!Moi ben Bruno! E se alguén non o escoitou lembrade que na vosa Biblioteca tedes títulos tan misteriosos e arrepiantes coma este. Aquí deixamos as imaxes!










16/03/2011

PETER PAN

Paula e Antía contáronnos no recreo o conto de Peter Pan.
Collidos da man de Peter Pan puidemos voar ata o País de Nunca Xamais con Wendy e os seus irmáns para vivir unha fantástica aventura.
E aínda que ao final do conto todos regresan as súas casas, recordade que sempre teremos un lugar onde xogar ao lado de Peter Pan e a súa pequena fada.
Moitos parabéns para Paula e Antía por contarnos este conto clásico que nunca, nunca pasa de moda!





02/03/2011

O PAÍS DOS MANDÓNS

Aínda que nos vexades a todos en pixama, non pensedes que este é o conto de antes de durmir... Hoxe Sergio e Luismi contáronnos unha historia con mensaxe. O conto trata dun país gobernado por un mandón. Neste país as mulleres facían todo o traballo e os homes non podían facer o que querían. Por iso todo o mundo estaba anoxado. Un día decidiron protestar e o país dos mandóns trocou de rumbo. Sergio e Luismi fixérono moi ben e ademais de entreternos con este interesante conto ensináronnos unha lección de igualdade.E aínda que todos estabamos preparadiños co pixama para pechar o ollo prometémosvos que a ninguén lle pegou o sono cos nosos dous amigos. De seguido, as fotos e o video:


28/02/2011

NAVEGA, CARACOL!

Nun deses días de choiva, en que non sabemos que facer, a Caracol ocurriúselle botarse á auga montado nunha folla. Estaba agochadiño ata que sentiu as ras aprendendo a croar ensaiadas por Ra. Pronto Caracol croaba mellor ca elas mesmas. As cinco raíñas remataron cantando coma un xílgaro animadas por Caracol. E xa que falamos de raíñas... Sabedes quen foi a raíña do mércores? Non hai dúbida mozos/as, foi SILVIA a pequeniña que nos contou marabillosamente esta historia de Navega, Caracol!! Dende a Biblioteca mandámoslle moitísimos parabéns!! Unhas fotos para lembrarnos...



E para os que non estiveron alí deixamos a actuación da excelente contacontos:


16/02/2011

CARACOL E VERMIÑO

Hoxe no recreo tivemos a oportunidade de escoitar as máis pequeniñas de tod@s os que participastes ata agora nos Mércores Contacontos: Daniela e Lorena.
E como de pequeniños vai a cousa os protagonistas do conto eran un caracol e un vermiño enfrontados por unha folla de leituga. Tivo que vir unha pomba lambona para que caracol e vermiño se deran conta de que podían compartir o banquete.
Aínda que as verdadeiras protagonistas hoxe foron Daniela e Lorena, fixérono moi ben!!! Contounos un paxariño que as dúas ensaiaron moito e nótase. Boa conta diso poden dar todos os que alí se achegaron. Escoitastes ben o aplauso??









09/02/2011

A MIÑA AMIGA A ESCURIDADE

Algunha vez tremestes na escuridade?...
Sentistes medo das sombras arrepiantes da noite?...
Pois a protagonista deste conto adicábase a bailar ca escuridade que entraba pola fiestra da súa habitación.
Silvia e Elio contáronnos fabulosamente este conto fantástico. Grazas aos dous por facernos pasar un intre agradable e por darnos ideas: alguén se anima a xogar ca escuridade?
Mentres o pensades aquí colgamos as fotos do conto.


03/02/2011

Safari

No día da candeloria, Lara e Katia leváronnos de Safari. Con este título vivimos unha boa aventura, todo contado en forma de poema. Grazas mozas pola vosa colaboración nos Mércores Contacontos!



26/01/2011

A figueira de Pelostortos

Unha semaniña enteira foi o que tivemos que agardar para que nos contaran outro conto. E valeu a pena!
Bernal, Victoria e Xulián escolleron o título:"A figueira de Pelostortos" para poñernos a pel de galiña. E é que Pelostortos tiña unha figueira da que non deixaba que ninguén comera. Prefería que o visitasen as almas en pena que compartir os figos da súa figueira. E abofé que as almas en pena o visitaron, e Pelostortos tivo que escapar co medo. As almas só eran os disfraces de 2 nenos e unha nena moi espelidos que conseguiron comer da figueira.
Deixámosvos de seguido as fotos e o vídeo dun anaco de conto para que vexades que ben o fixeron os nosos 3 narradores.




19/01/2011

ADIVIÑA, ADIVIÑANZA...

Fixástesvos na entrada da Biblioteca?
Gústanvos os nosos carteis dos Mércores Contacontos?



Dende a Biblioteca queremos plantexarvos unha adiviña singular:
Quen será, quen será
a persoa ou persoeiro
que cada nova semana
o cartel deseñará?

Cavilade a ver quen o acerta!
Pronto teredes a resposta...

A BRUXA REGAÑADENTES

Hoxe no recreo grazas a Coral e Sandra, que nos contaron este fabuloso conto, voamos ca nosa imaxinación a un bosque onde se perderon 3 irmáns para acabar na casa dunha bruxa con dentes de ferro. A astucia do máis pequeno dos irmáns deixounos un final feliz!
Aquí colgamos as fotos deste primeiro conto dos Mércores Contacontos.
Fabuloso mozas! Merecedes un gran aplau
so!!

18/01/2011

Contádesnos un conto?

Xa chegou o gran intre que todos agardávamos!
Un ano máis na vosa Biblioteca chegan os Mércores Contacontos. Un acontecemento no que vós sodes os grandes protagonistas.
Pero... Que é ese barullo que escoitamos? É Merlín batendo as ás preparándose para aplaudirvos.
Animádevos a participar!!
Seguro que o facedes fenomenal!!